Roald Dahl, de quen vimos de ler Charlie y la fábrica de chocolate, tivo unha vida emocionante chea de cambios e situacións difíciles que foi superando con entusiasmo e que lle serviron de inspiración para moitas das súas historias: viviu de neno nun internado onde era un traste; de novo foi explorador en Terranova e viviu nas sabanas africanas; na IIª Guerra Mundial foi piloto das forzas aliadas; case queda cego e rematou casado coa enfermeira que o coidou; tivo cinco fillos e un deles padeceu unha enfermidade moi grave (hidrocefalia) que o fixo concienciarse coa problemática destes doentes.
Ademais das súas coñecidas historias
para nenos escribiu contos de medo para adultos e incluso guións cinematográficos
(por exemplo do filme de James Bond, Só se vive dúas veces).
Moitas das súas obras foron levadas
á pantalla: Matilda, Charlie y la fábrica de chocolate, Iago e o pexego
xigante, As bruxas ou Fantastic Mr. Fox... e aínda que as historias
no cine son estupendas convidámosvos a lelas para crear os vosos propios personaxes
e universos. Estanvos agardando na biblioteca do centro. Non perdades esta oportunidade...