28.12.21

O MESTRE ROALD DAHL

Roald Dahl, de quen vimos de ler Charlie y la fábrica de chocolate, tivo unha vida emocionante chea de cambios e situacións difíciles que foi superando con entusiasmo e que lle serviron de inspiración para moitas das súas historias: viviu de neno nun internado onde era un traste; de novo foi explorador en Terranova e viviu nas sabanas africanas; na IIª Guerra Mundial foi piloto das forzas aliadas; case queda cego e rematou casado coa enfermeira que o coidou; tivo cinco fillos e un deles padeceu unha enfermidade moi grave (hidrocefalia) que o fixo concienciarse coa problemática destes doentes.

Ademais das súas coñecidas historias para nenos escribiu contos de medo para adultos e incluso guións cinematográficos (por exemplo do filme de James Bond, Só se vive dúas veces).

Moitas das súas obras foron levadas á pantalla: Matilda, Charlie y la fábrica de chocolate, Iago e o pexego xigante, As bruxas ou Fantastic Mr. Fox... e aínda que as historias no cine son estupendas convidámosvos a lelas para crear os vosos propios personaxes e universos. Estanvos agardando na biblioteca do centro. Non perdades esta oportunidade...